Turismo

Arbo, destino de sabores, beleza e aventura ligada ao río Miño

A lamprea e os viños son marca de identidade dunha localidade excelente para o rafting e kaiak

O Miño ao seu paso por Arbo coas súas impresionantes pesqueiras.   | // FDV

O Miño ao seu paso por Arbo coas súas impresionantes pesqueiras. | // FDV / D.P.

D.P.

O municipio de Arbo, con algo máis de 43 quilómetros cadrados de extensión, ten no seu límite sur, o Miño, constituíndo unha barreira natural entre Galicia e o norte de Portugal. En Arbo existe un peixe curioso que leva existinguido máis de 500 millóns de anos e que atopou no río Miño un dos mellores ambientes para desenvolverse, de aí a denominación “Arbo, Capital Mundial da Lamprea”.

Arbo, destino de sabores, beleza e aventura ligada ao río Miño

Deporte de aventura no Miño. / D.P.

Arbo distínguese tamén pola súa excelente enogastronomía e, á súa vez, ofrece cultura, patrimonio e magníficas paisaxes.

Ademais de para comer, Arbo é un lugar para gozar do turismo rural, das súas paisaxes e patrimonio “adornados” coas históricas pesqueiras do Miño; para pasear e coñecer roteiros singulares e outras tan importantes como o Camiño de Santiago.

A menos dunha hora de Vigo e Ourense; e a pouco máis de hora e media de Porto ou de Santiago, ten un clima privilexiado para todo tipo de actividades e deporte de aventuras ao aire libre: bo tempo con sol e temperaturas agradables desde primavera ata que entra o outono, ideal para os que necesitedes escapar de aquí no verán.

Arbo tamén conta cun gran patrimonio inmaterial cheo de lendas, crenzas e rituais de carácter místico e relixioso onde o auga, as pedras e a lamprea son protagonistas de fascinantes historias.

Rafting

Do mesmo xeito que sucede cos demais servizos, Arbo dispón dunha perfecta cobertura en materia de infraestruturas deportivas e de lecer. Ademais, o río Miño ofrece a posibilidade de gozar do rafting, kaiak, hidrospeed, canoas e salto desde pontes e outras actividades acuáticas da man de Arrepións e Vaguada, empresas especializadas do municipio.

Os carreiros fluviais que discorren polo municipio de Arbo, tamén permiten que o visitante poida gozar, en todo momento, de magníficas paisaxes. O Carreiro da Amora, Roteiro dos Pescadores, Roteiro das Pesqueiras ou o Paseo fluvial do Río Miño–Deva, móstrannos os encantos dos nosos ríos

Arbo tamén é terra de viños. Con temperaturas suaves e precipitacións abundantes, dispón das horas de sol necesarias para que as uvas alcancen o seu punto exacto de madurez e dean viños excelentes.