Mocidade

Tomiño elimina barreiras de comunicación cun curso de lingua de signos

A OMIX inicia unha nova formación as mañás dos sábados en Goián

Primeira das sesións do curso, iniciado o pasado sábado.   | // D. P.

Primeira das sesións do curso, iniciado o pasado sábado. | // D. P. / l. c.

l. c.

O Concello de Tomiño continúa ampliando a oferta formativa e de lecer para a mocidade do municipio. Neste camiño, a OMIX de Tomiño organiza un novo curso de lingua de signos española nivel A1.2, un taller enfocado a que ao alumnado participante amplíe os seus coñecementos básicos e as técnicas instrumentais no uso desta lingua. “É unha forma de eliminar barreiras de comunicación e de facilitar o intercambio de información, a socialización... entre persoas oíntes e persoas xordas”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Os obxectivos desta iniciativa é dar ás persoas participantes as pautas necesarias para continuar avanzando nesta lingua, aprender a signar, coñecer aspectos gramaticais básicos, así como o alfabeto dactilolóxico, signos e expresións habituais. “Dende o Concello consideramos que esta formación é moi útil para os nosos mozos e mozas e permítenos seguir concienciando á rapazada sobre a importancia de rachar barreiras e camiñar cara unha inclusión real”, salienta a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez.

As clases comezaron o pasado sábado, 25 de marzo, e impartiranse todos os sábados ata o vindeiro 10 de xuño en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas, na Escola Obradoiro de Goián. Este curso está destinado a rapazada a partir de 12 anos e ten un custo de 20 euros.