Mocidade

Soutomaior lanza un concurso de verbas para festexar o 17 de maio

É para estudantes de Bacharelato e ESO e consiste na presentación dun traballo, escrito ou audiovisual, en galego

l. c.

Co gallo do Día das Letras Galegas o Concello de Soutomaior, a través da Concellería de Xuventude, promove o concurso “Verbas para comunicar” relacionando a comunicación, a mocidade e a lingua galega. O certame consiste na presentación dun traballo en lingua galega, que pode ser en formato texto ou audiovisual, no cal se transmita unha idea, sentimento, opinión... que queiramos comunicar e compartir con outras persoas.

O concurso está dirixido a estudantes de 1º, 2º, e 3º de ESO (categoría A) e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato (categoría B) do Colexio Santiago Apóstolo e do IES Soutomaior. O fin do prazo de presentación dos traballos, que deberá realizarse en liña a través da web municipal, estableceuse nas 14.00 horas do 11 de maio. Se é redacción subirase en formato imaxe ou PDF e se é unha peza audiovisual enviarase o vídeo por WhatsApp á OMIX, ao número de teléfono 638 822 868.

Outorgaranse seis premios por cada unha das categorías e modalidades, a maiores na modalidade de audiovisual haberá un primeiro e un segundo para os traballos presentados en grupo.

Todos os traballos estarán expostos virtualmente na web municipal para a súa difusión.