Axenda

Patinaxe, monólogo de Cándido Pazó e música coral en Ponteareas

Tres das actividades de lecer propostas para esta fin de semana na Vila do Tea

D.P.

O Concello de Ponteareas informa a súa veciñanza de tres alternativas de lecer moi distintas esta fin de semana.

Patinaxe libre

Mozos e mozas poderán coller os seus patíns e gozar dunha xornada de patinaxe libre, hoxe, a partir das 20.30 horas no pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino. O Concello de Ponteareas organiza ao abeiro do programa Mocidade Viva unha nova actividade “coa que buscamos promover o lecer saudábel e alternativo para rapazas e rapaces maiores de 12 anos”, salienta o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, unha nova sesión de patinaxe libre. Grazas á colaboración dos clubs locais de hóckey e patinaxe, o Concello habilitará un servizo de préstamo de patíns para aqueles mozos e mozas que non dispoñan duns propios.

Monólogo e música coral

Ponteareas gozará esta noite de risas a esgalla da man do xenio do humor galego Cándido Pazó no Centro Cultural Xinzo ás 20.30 horas. O autor, director de escena, narrador oral e actor actúa ao abeiro do Cultura24, “un programa posto en marcha polo Concello co que dende hai anos tratamos de achegar a actividade cultural a cada recuncho da nosa vila, enchendo de vida e lecer todas as parroquias”, destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

En engadido, no marco do Cultura24, o Centro Cultural de Arcos acollerá mañá, ás 12.30 horas, un concerto de Ars Cantorum, unha coral creada no ano 2005 dirixida polo mestre Javier Alonso e formada por trinta voces mixtas.