O Rosal

O alumnado de Primaria aprende a reciclar na aula

O Concello lanza unha campaña para unha correcta xestión dos residuos dende a infancia

Sesión informativa de reciclaxe nun dos colexios do Rosal.   | // FDV

Sesión informativa de reciclaxe nun dos colexios do Rosal. | // FDV / l. c.

l. c.

Aprender dende cativos e cativas a reciclar os diferentes residuos. Ese é o obxectivo de “Traballando co lixo”, unha campaña posta en marcha polo Concello do Rosal coa que se busca implicar á veciñanza nunha correcta xestión dos residuos dende a infancia.

“É moi importante que dende moi pequenos e pequenas poidan ir aprendendo que o primeiro paso para un axeitado reciclaxe de residuos é saber recoñecer onde debe ir cada resto. Aprendelo na aula, rodeado dos seus compañeiros e compañeiras, en equipo, é unha boa experiencia para nenos e nenas”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Con este proxecto vanse percorrendo todas as aulas de Educación Primaria dos centros educativos do Rosal para traballar en común as cuestións relacionadas co lixo e coa reciclaxe. Así, ao longo da actividade, os escolares aprenden que deben botar no colector amarelo, “ese que sempre se di de plásticos pero que realmente é de envases”, como lles explica durante os encontros o concelleiro de Participación Veciñal e Voluntariado, Ramón Fernández Leal.

A través de diferentes actividades, o alumnado repasa aqueles elementos que deben levarse ao Punto Limpo aproveitando as lembranzas da visita realizada ás instalacións. Ademais, tamén seleccionan diferentes tipos de residuos e falan doutros tipos de lixo moitas veces máis difíciles de catalogar para poder desbotar, como as cápsulas de café, os medicamentos ou os restos orgánicos.