Soutomaior

Teatro, cine, baile e “escape room” para pasalo de medo

Arcade acolle do 29 ao 31 diversas actividades para festexar o Samaín

Espectáculo de lume, nunha edición anterior do Samaín.  | // FDV

Espectáculo de lume, nunha edición anterior do Samaín. | // FDV / l. costas

O Concello de Soutomaior ten todo preparado para celebrar o Samaín a última fin de semana de outubro. Teatro de monstruosos, cinema de terror, unha escape room ou un baile feiticeiro, son algunhas das propostas organizadas dirixidas a todos os públicos.

As actividades darán comezo o sábado 29, ás 18.30 horas, co espectáculo de teatro cómico “Monstros no Camiño” da compañía Ghazafelhos. É a historia de catro científicos que coa axuda dunha máquina da súa invención serán capaces de convocar aos distintos monstros, personaxes míticos dos diversos lugares por onde transcorre o camiño, eles son dende Drácula e o Lobishome ata as meigas, a Santa Compaña ou o Sacauntos. Será no multuisos de Arcade, onde, ás 21.00 horas, terá lugar unha sesión de cinema na que se proxectará a comedia de terror “Este cuerpo me sienta de muerte”.

A xornada dominical será para pasalo de medo no escape room especial de Samaín. Recrearanse dous xogos nos que haberá que superar unha serie de retos e así conseguir fuxir. Na sala 1 do multiusos realizarase o “Museo misterioso”, para nenos de 3 a 6 anos, acompañados dunha persoa adulta, e na sala 2 “Laboratorio secreto” para público a partir dos 7 anos. Haberá un total de 5 pases para cada unha das salas e 10 prazas por pase. O primeiro pase dará comezo ás 18.00 horas e os seguintes sucederanse cada media hora ata as 19.30 horas que será o último, e terán unha duración duns 20 minutos. As persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través da web municipal, con prazo ata o mércores 26 de outubro

A gran celebración

O luns 31 terá lugar a gran celebración, na Alameda Talo Río, que dará comezo ás 16.15 horas cun baile feiticeiro, un obradoiro de animación no que o público participará na confección dunha apócema musical, na que se engadirán ingredientes con pasos e ritmos que darán lugar a un gran baile co que desfacer o feitizo do Samaín en Soutomaior.

De 17.30 a 20.30 horas habilitarase o pasadizo do terror. De 19.00 a 19.30 horas tren asador de castañas, con degustación de balde. E, como broche de ouro, espectáculo de animación de rúa, con batukada e pirotecnia, “Camiñantes brancos”.

Dende o Concello recomendan e animan a todos os asistentes a que acudan disfrazados.