Conmemóranse os 320 anos da Batalla de Rande. Concretamente foi un 24 de outubro, de 1702, cando a Enseada de San Simón foi o escenario dunha batalla naval entre catro países, enfrontando ás escuadras das coalicións angloneerlandesa e hispanofrancesa. Unha historia de tesouros e galeóns da que hai diversas versións e soamente as augas da Ría, que remataron nun mar de lume, coñecen con certeza o ocorrido.

Este 2022 é o noveno ano no que a Asociación Deportiva e Cultural de Rande, en colaboración co Concello de Redondela, organiza diferentes eventos para rememorar esta loita. A programación comezou o pasado sábado cun desfile polas rúas do casco urbano da vila, que concluíu coa representación dun fusilamento na Avenida Castelao, e esta fin de semana trasládase á contorna do Museo Meirande.

Durante toda a xornada de hoxe e mañá sucederanse obradoiros, representacións teatrais, desfiles e, sobre todo, a escenificación dos momentos máis álxidos da Batalla Rande, como son o desembarco, a descarga e o asalto á fortaleza, que será hoxe ás 19.30 horas, e tras el o afundimento e representación da batalla naval con pirotecnia, o cal dará paso a unha das novidades desta edición, o concerto que porá o broche de ouro da xornada, protagonizado por Os Carunchos.

Representacíon do vivido na Batalla de Rande, hai máis de tres séculos, en Redondela. Alba Villar

Pero ata entón queda por diante moita festa. Hoxe ás 11.00 horas abrirase o mercado e as 11.30 horas chegarán as embarcacións tradicionais, á vez que darán comezo os obradoiros de alfareiría, escritura antiga, lacrado e acuñación de moeda, que se repetirán logo pola tarde e o domingo de mañá. Tamén para os máis pequenos da casa haberá un espazo con atraccións tradicionais, ao prezo de 3 euros.

Ás 12.30 horas terá lugar o desfile inaugural, que volverá a celebrarse mañá, e tras el a representación teatral infantil “As historias de Francisco”, da que se ofrecerá un segundo pase pola tarde e tamén mañá pola mañá. Do mesmo xeito, haberá teatro de adultos, a teatralización da Batalla de Rande coa obra “Navíos baixo lume”, con función hoxe pola tarde e mañá pola mañá.

Hoxe ás 12.30 horas é o desfile inaugural e trala representación do afundimento pechan a xornada Os Carunchos

Outro dos atractivos desta festa histórica na que participan un cento de actores e figurantes, vestidos de época, son as visitas guiadas en barco pola Enseada de San Simón que se realizarán en horario de tarde con saída dende o Museo Meirande e para as cales xa saíron á venda as entradas a pasada semana.