Tui

Once mulleres expoñen “O despertar dos sentidos”

A Oficina Municipal de Tui acolle esta mostra de pintura ata o día 31 de outubro

O alcalde e a edil, coas mulleres protagonistas da exposición.   | // FDV

O alcalde e a edil, coas mulleres protagonistas da exposición. | // FDV / l. c.

l. c.

María Fernández, María Garrido, Emilia González, Teresa Ruano, Isabel G. De Haro, Conchi Alonso, Mª Carmen Baquero, Fina Saa, Mª José Rodríguez, Loli González e Pilar Pereira amosan os seus cadros nos que plasman dende paisaxes ata bodegóns e dende retratos ata imaxes abstractas. A técnica empregada na maioría é a acuarela.

Once mulleres expoñen  “O despertar dos sentidos”

Once mulleres expoñen “O despertar dos sentidos”

Trátase dun grupo de mulleres que amosan a súa obra pictórica na exposición “O despertar dos sentidos”, organizada pola Asociación Cultural Tyde coa colaboración do Concello de Tui.

A Oficina Municipal de Turismo de Tui acolle, ata o 31 de outubro, a mostra destas once mulleres pertencentes a Asociación Cultural Tyde, que está aberta ao público, de luns a domingo, en horario de 09.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

No acto inaugural estiveron o alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente. O rexedor felicitou ás artistas destancando o seu traballo e a súa actividade, así dixo que, “á marxe do sentido cultural, tamén é salientable a súa acción en canto tecido asociativo, que aporta ese sentido máis social”. Pola súa banda a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, felicitou ás integrantes deste colectivo pola creación de “rede”, ao tempo que as felicitou polas obras que agora presentan publicamente.

Asociación Cultural Tyde

A Asociación Cultural Tyde está conformada por un grupo interxeneracional, coa integrante máis nova de 14 anos. Reúnese cada martes no baixo do edificio da Seguridade Social, fronte á igrexa da Misericordia, onde pode achegarse en horario de mañá ou tarde calquera interesado ou interesada, xa que aínda que na actualidade está conformada só por mulleres está aberta tamén á participación masculina.