A economía azul, a debate en Baiona

Participantes na xornada inaugural do Blue Atlantic Forum no Parador de Baiona.  | // D. P.

Participantes na xornada inaugural do Blue Atlantic Forum no Parador de Baiona. | // D. P. / l. c.

l. c.

Tres xornadas de reflexión e análise centradas en tres sectores de vital importancia na economía azul e claves para o desenvolvemento sostible de Galicia: a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo costeiro. Así foi a segunda edición do Blue Atlantic Forum que se celebrou ata onte venres, no Parador de Baiona, organizado polo Concello.

Tralo éxito da primeira edición realizada en novembro do pasado ano, ducias de profesionais e expertos de toda Galicia e tamén doutras zonas costeiras como Canarias, Cataluña, País Vasco, Baleares ou Murcia e mesmo doutros países como Portugal ou Chile reúnense en Baiona neste foro de debate e posta en común sobre as oportunidades arredor da economía azul.

O obxectivo principal do Blue Atlantic Forum é, por tanto, crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea.

As xornadas arrancaron o mércores coa inauguración do foro coa presencia do alcalde de Baiona, Carlos Gómez, quen deu a benvida aos participantes; Silvia Solís Reyes, subdirectora xeral de Sostenibilidade económica e asuntos sociais da Secretaría de Pesca, dependente do MAPA; Susana Rodríguez, directora xeral de desenvolvemento pesqueiro da Xunta de Galicia e Iria Lamas, deputada de Transición ecolóxica e medio ambiente da Deputación de Pontevedra.

Nese primeiro día afondouse en modelos de pesca sostible, mirando ao futuro, con especial atención na pesca artesanal, para o mantemento dos oficios relacionados coa pesca sempre dentro da conservación da contorna e as especies mariñas. Un sector en plena adaptación para as familias que viven da pesca, dentro dun marco de coidado pola natureza e os espazos únicos da costa atlántica. A certificación do peixe para reforzar a súa calidade e as posibilidades de financiamento de proxectos pesqueiros neste marco tamén se trataron neste encontro no que participaron produtores e representantes de organizacións do sector.

A segunda xornada estivo dedicada á biotecnoloxía mariña, un sector emerxente e con grandes oportunidades para a economía galega. Debateuse o potencial das rías galegas coa presenza de numerosos exemplos de innovación no sector, tanto locais como doutros lugares. O desenvolvemento industrial e tecnolóxico arredor dos produtos procedentes do mar e costas é un sector en auxe que pode contribuír de xeito moi relevante ao crecemento de novos modelos de negocio, investigación e innovación.

O turismo de costa, do que Galicia é un referente azul grazas á súa peculiar hidrografía e espectaculares paisaxes, foi o protagonista da xornada de clausura do foro. O turismo sostible é unha tendencia crecente, por necesidades da contorna e por demanda dos propios usuarios de servizos turísticos. Neste senso, varios expertos aportaron a súa visión para facer máis atractivos os destinos costeiros, innovando, mantendo a sustentabilidade e debatendo se a sobreexplotación dalgúns destinos xa é un fenómeno irremediable.

O foro tratou diversas temáticas transversais aos tres sectores representados, tales como a formación, a financiación, o emprendemento, o cambio climático ou as oportunidades que ofrecen as rías galegas na economía azul.

Grazas á organización desta segunda edición, financiada polo Galp Ría de Vigo-A Guarda, o Concello de Baiona reforza a súa posición como destino azul por excelencia dentro do panorama autonómico e nacional, tanto pola súa situación xeográfica como pola súa importancia económica das empresas dos sectores consolidados e emerxentes da economía azul na súa contorna.

A asistencia ao foro foi gratuíta. Estivo aberto a todo o público, sendo posible tamén seguilo online.