Saúde

Apoio ás enfermidades de saúde mental

O Concello de Ponteareas e Avelaíña asinan un novo convenio

Sinatura do novo convenio.   | // FDV

Sinatura do novo convenio. | // FDV / D.P.

D.P.

O Concello de Ponteareas e a Asociación Avelaíña continúan traballando man a man para mellorar a calidade de vida e favorecer a integración social das persoas con enfermidades de saúde mental e as súas familias. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da asociación, María Fernanda Orduna Vela, asinaron un novo convenio de colaboración entre ambas entidades, que suporá unha achega de 7.450 euros para o desenvolvemento do servizo de información e asesoramento en saúde mental para previr a exclusión social.

Trátase dun programa que Avelaíña desenvolve de forma permanente na zona do Condado e A Paradanta que tras a crise sanitaria da COVID-19 viu incrementada de forma importante a súa demanda. “Para nós é un orgullo colaborar con Avelaíña neste servizo que permite dar resposta ás necesidades das persoas con enfermidades de saúde mental e ás súas familias dun xeito integral e amplo”, salienta a alcaldesa.

O obxectivo é informar ás persoas que o precisen sobre os diferentes recursos e procedementos vinculados á saúde mental, asesorar e poñer en contacto co persoal adecuado para atender cada problemática particular, achegar recursos especializados de proximidade e coordinar actuacións, completando así o traballo que se está a desenvolver dende o servizos sociais do Concello de Ponteareas.

O servizo vai dirixido a prestar atención a calquera persoa con necesidade de información en saúde mental, tanto persoas afectadas como familiares. Avelaíña está conformada por arredor de 20 profesionais na actualidade.