O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Soutomaior ofrece este mes de setembro dúas actividades dirixidas a mulleres que queiran aprender máis sobre autocoidado para sentirse mellor baixo o programa ‘O meu tempo’.

En primeiro lugar, un obradoiro de igualdade sexo-afectiva que deu comezo o día 8, no multiusos, e que se desenvolve cada xoves, ata o día 29.

Por outra banda, o obradoiro de escrita e narrativas ‘A Voz das Mulleres’, que se celebra no mesmo lugar os mércores 14, 21 e 28. Precisamente “entusiasmo e moi bo ánimo” foron as cualificacións resultantes da primeira das xornadas desta actividade. As participantes no obradoiro puideron na sesión inaugural coñecerse e expor as súas inquietudes de cara ás próximas sesións. A concelleira de Igualdade aproveitou a ocasión para desexarlles sorte cos seus proxectos e agradecerlles a súa participación e interese neste tipo de iniciativas.

Obradoiro de memoria para a terceira idade

Co inicio do curso retomáronse outras moitas actividades e talleres para a veciñanza. Así é o caso do obradoiro de memoria destinado ao sector da poboación máis maior, para o cal xa está aberta a inscrición. A iniciativa pretende funcionar como local de encontro para a terceira idade (de 65 e máis anos), que poderá relacionarse entre si mentres adestran a súa memoria, un exercicio en voga hoxe en día e que demostrou ter resultados moi positivos, apuntan fontes municipais.

O obradoiro, que é completamente gratuíto, terá lugar todos os martes dende 18 de outubro ao 20 de decembro, de 17.00 a 18.30 horas no Centro da Terceira idade de Talo Río.

As inscricións poden realizarse en liña na páxina web https://gabinetesoutomaior.com/ ou nas oficinas do CIM, con prazo ata o día 14 de outubro.