Cultura

Moaña celebra 35 anos de teatro profesional

Cinco espectáculos integran os XXXV Circuítos Teatrais Celso Parada, as fins de semana de outubro no IES As Barxas

Producións Teatrais Excéntricas representa a obra “O porco de pé”.   | // GONZALO NÚÑEZ.

Producións Teatrais Excéntricas representa a obra “O porco de pé”. | // GONZALO NÚÑEZ. / l. costas

Nin a pandemia da COVID poido co teatro no Concello de Moaña. Así os Circuítos Teatrais Celso Parada veñen celebrándose de xeito ininterrompido dende o ano 1988.

Público asistente a unha das funcións teatrais, nunha edición anterior.   | // GONZALO NÚÑEZ.

Público asistente a unha das funcións teatrais, nunha edición anterior. | // GONZALO NÚÑEZ. / l. costas

Chega a trixésimo quinta edición deste evento que atrae a persoas de todo o Morrazo e tamén de fóra, unha das citas culturais máis estables no calendario, xunto co Festival Intercéltico, cun público xa consolidado.

Ao longo das fins de semana de outubro, este ciclo de teatro profesional, traerá a Moaña recoñecidas compañías que representarán sobre o escenario as súa obras. Son un total de cinco representacións, todas elas no IES As Barxas, e cun prezo de entrada de 4 euros, que se poden adquirir a través da páxina web municipal do Concello de Moaña.

Os XXXV Circuítos Teatrais Celso Parada de Moaña abriranse o vindeiro sábado, día 1, ás 21.00 horas coa posta en escena da peza “O porco de pé” de Vicente Risco a cargo de Producións Teatrais Excéntricas. A segunda das funcións será o sábado seguinte, día 8, á mesma hora, nesta ocasión Ibuprofeno Teatro presenta a súa obra “Smoke on the water”. Xa as seguintes tres funcións serán en domingo, ás 19.30 horas todas elas. O día 16 chegará A Panadaría con “As que limpan”, o 23 Sabarela escenificará “Morgana en Esmelle” e, para rematar, o domingo 30, Malasombra Producións presenta “Bernarda”.

Escenario

As representacións teatrais destes circuítos foron cambiando de escenario co paso dos anos. Nunha primeira etapa, dende 1988 ata 1993, celebráronse no auditorio de Moaña do centro sociocultural Daniel Castelao, inaugurado en 1987. Alí había capacidade para preto de 170 persoas.

Ante a grande afluencia de público, a actividade cultural xa consolidada pasou a ter lugar no cine Veiga, instalacións que actualmente ocupa un supermercado. Alí desenvolveuse ata o ano 2001.

A terceira etapa abrangue xa ata a actualidade. Dende 2002 pasa a celebrarse no salón de actos do IES As Barxas.

Homenaxe a Celso Parada

Celso Parada.   | // GONZALO NÚÑEZ.

Celso Parada. | // GONZALO NÚÑEZ. / l. costas

Ao igual que o escenario, a denominación do evento tamén sufriu un cambio. Foi no ano 2020 cando inclúe o nome de Celso Parada, en honra ao insigne actor falecido en 2019 e que durante décadas levou o nome de Moaña por todo o país.

Tamén o auditorio do centro sociocultural Castelao, onde comezou a celebrarse os Circuítos Teatrais, pasou a chamarse Sala Celso Parada.