Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral daranse cita a próxima semana no III Encontro Profesional de Músicas (MUMI) na Eurocidade Tui-Valença co obxectivo de crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa, construír unha relación estable entre axentes e empresas de ambas beiras do Miño e destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos de cultura de ámbolos dous países

Vinte bandas e artistas de Galicia e Portugal presentarán os seus traballos no MUMI 2022. Serán vinte directos programados do 29 de setembro ao 1 de outubro en Tui e Valença. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica esencial, pasando polo jazz, o funk e o pop de autoría: Brais Morán & Nasafunk, Brassica Rapa, Caamaño & Ameixeiras, Caldo, Golfiños, Momboi, Mounqup, Neboa, Xan Campos Trío e Xosé Lois Romero & Aliboria, conforman a relación dos showcases galegos; no caso de Portugal, as bandas seleccionadas son Birds are indie, Crua, 47 de Fevereiro, Dapunksportif, Kumpania Algazarra, Manuel Maio, Meta, Omiri, Raia e Space Ensemble.

A organización vén de presentar a programación de showcases e avanzou que durante o encontro, a oferta para profesionais desenvolverase no Teatro Municipal de Tui e no Espazo OFF da Academia de Música da Fortaleça de Valença, mentres que os concertos abertos ao público terán lugar na Avenida da Estaçao de Valença e no Paseo da Corredoira de Tui. O artista portugués Omiri e o proxecto galego de Xosé Lois Romero & Aliboria serán os encargados de ofrecer o concerto de apertura o xoves 29 na Avenida da Estaçao de Valença.

Ademais dos showcases, haberá tamén un programa de faladoiros nos que se van tratar temas como o financiamento público para proxectos culturais, as relacións entre axentes culturais e representantes políticos, o estatuto profesional da cultura, o papel dos medios de comunicación nas promocións artísticas e proxectos transfroiterizos Galiza – Portuga.l

Festival Minho Transfronteirizo

A última xornada estará dedicada a visibilizar o traballo das administración locais de ambas beiras do Minho no ámbito musical. Como mostra desas iniciativas, o MUMI acollerá o Festival Minho Transfronteirizo, que pechará esta edición do encontro e no que participarán catro propostas musicais con base en Valença e Tui.

Inscricións

As inscricións profesionais para o MUMI 2022 continuarán abertas a través da páxina mumimusicas.eu sen ningún tipo de custe e ata a propia data do evento para facilitar a asistencia das persoas interesadas en manter sesións de traballo conxunto dentro do espazo destinado aos speedmettings ou encontros rápidos.