Por primeira vez o Concello da Cañiza consigue a homologación de rutas de sendeirismo diante da Federación Galega de Montañismo: a PR-G 206 e a PR-G 207. Foi o pasado domingo cando se inaugurou a de Fontefría (PR-G 206), incluída no Plan de Reordenación de Sendeiros da Cañiza.

Cun percorrido de 7,7 quilómetros de lonxitude, a ruta discorre polas parroquias de Achas e Petán, situando o punto de inicio no alto de Fontefría, a 790 metros de altitude, do que se parte en dirección norte. O sendeiro transcorre por unha zona chaira con pasteiros nos que se atopan varios túmulos megalíticos, coñecidas como mámoas. Continúa por camiños entre repoboacións de piñeiro silvestre con lagoas estacionais e o regato de Portapiñeiros. Nestas zonas chairas e húmidas existen varias turbeiras.

É unha das tres rutas que o Concello recuperou dentro do seu Plan de Reordenación de Sendeiros, xunto coa ruta da Cidade Castrexa das Grades e a ruta de Luneda. Unha actuación cunha inversión de máis de 30.000 euros, financiada ao cen por cen polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que ten por obxectivo poñer en valor o potencial paisaxístico da contorna, aproveitar ao máximo os recursos naturais e orientalos cara ao turismo rural de forma desestacionalizada, para impulsar a economía local.

Con estas tres iniciativas e xunto co Sendeiro do río Ribadil, pertencente ao Espazo Natural Rede Natura 2000 e a ruta PR-G 165 Sendeiro das fragas e levadas do Calvo e Deva, o Concello da Cañiza completa a súa rede de sendeiros, “axeitada a unha zona cun potencial e valor ecolóxico e natural de alto nivel”, apuntan fontes municipais.

Segundo manifestou o alcalde Luis Piña “a posta en marcha deste Plan de Reordenación de sendeiros era unha materia pendente da gobernanza da Cañiza e unha actuación prioritaria no eido medioambiental e turístico para poder aproveitar ao máximo os nosos recursos endóxenos, neste caso as nosas paisaxes, camiños e lugares con encanto, que estamos seguros serán capaces de atraer a camiñantes e turistas e que axudará a impulsar a nosa excelente oferta gastronómica e vitivinícola”.