Coque Malla e o Louro Valley Festival daban, onte á noite, o pistoletazo de saída á longa fin de semana de festas no Porriño, que se prolonga ata o luns, festivo local.

Son os días grandes do Cristo na vila do Louro e nótase. Troula e diversión en tódolos recunchos, con actividades pensadas para pequenos e maiores, sendo a música, sen dúbida, a gran protagonista.

A xornada de hoxe dará comezo ao mediodía coa lectura do pregón a cargo de Alfonso Pato dende o balcón do Concello. Licenciado en Filoloxía Hispánica e cunha traxectoria xornalística de máis de trinta anos traballando en diferentes medios de comunicación e produtoras audiovisuais, Pato é director do Festival de Cans desde a súa primeira edición, en 2004, formando parte do equipo fundador que puxo ao Porriño no mapa cultural nacional e internacional.

A partir de entón non cesará a animación polas rúas da vila. Gisela Concert Kids cos clásicos de Disney, na rúa Domingo Bueno, e o Festival Montando Cristo, na praza de San Sebastián, abrirán a noite musical, que proseguirá coa verbena a cargo das orquestras M3 e Atenas, as dúas primeiras dun total de nove que actuarán nestas festas. Mañá farano París de Noia e América, o luns La Dimensión e Combo Dominicano e xa para a vindeira fin de semana, o sábado 1 de outubro América SL e Triunfo e o domingo 2 Los Player’s. Outras das actuacións musicais máis esperadas serán o concerto das Tanxugueiras, o venres 30, e o certame “Tes talento?”, que celebra as semifinais os vindeiros martes e xoves e a final o domingo 2. Nesta última xornada festiva terá lugar tamén a Festa dos Callos, que chega este ano á súa 29 edición.

A Praza do Cristo acolleu o pasado sábado unha verbena andaluza. D.P.

Continuando cos días grandes das Festas do Cristo, a Banda de Música Xuvenil de Torroso ofrecerá hoxe á noitiña un concerto; mañá será a quenda da Banda da Agrupación Musical do Porriño e da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, que ademais das actuacións ao solpor, acompañarán á procesión trala misa solemne das 12, xunto coa Banda da Brilat; e o luns concerto da Banda de Música Cultural de Arcade. E para os máis pequenos da casa, esta tarde haberá espectáculo de marionetas a cargo da compañía Tanxarina Títeres e mañá teatro infantil con Animar-T.

PROGRAMACIÓN

Hoxe, sábado 24

Pregón a cargo de Alfonso Pato. Ás 12.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios

Animación de rúa. De 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas

Titiricircus. Espectáculo de marionetas. Ás 18.00 horas no Barrio de San Bieito

Banda de Música Xuvenil Torroso. Ás 20.00 horas

Montando Cristo Festival. Zälomon Grass / Inmates / Zona Zero / The Brokes. Ás 21.00 horas na Praza de San Sebastián

Gisela Concert Kids. Ás 21.00 horas na rúa Domingo Bueno

Orquestras M3 e Atenas. Verbena a partir das 22.00 horas

Mañá, domingo 25

Misa solemne e procesión. Ás 12.00 horas. Amenizan Coral San Blas de Budiño, Brilat, Banda de Gaitas San Xoán de Paramos e Banda da Agrupación Musical do Porriño

Animación de rúa. De 18.00 a 21.00 horas.

Os novos músicos de Bremen. Teatro infantil. Ás 18.00 horas en San Bieito

Banda da Agrupación Musical do Porriño. Ás 20.00 horas na Praza do Cristo

Banda de Gaitas San Xoán de Paramos. Ás 21.00 horas Praza Arquitecto Antonio Palacios

Orquestras París de Noia e América. Verbena a partir das 21.30 horas

Luns 26, festivo local

Misa de campaña. Ás 12.00h Amenizan Grupo Parroquial Sta. María do Porriño e Banda de Música Cultural de Arcade

Animación de rúa. De 18.00 a 21.00 horas

Banda Música Cultural Arcade. Ás 20.00 horas Praza do Cristo

Orquestras La Dimensión e Combo Dominicano. Verbena a partir das 21.30 horas

www.ecultura.net