O Concello de Salvaterra de Miño retoma a partir do vindeiro luns as actividades para maiores no Centro Social do Maior en Leirado. Trátase de memoria, ximnasia, pilates e pintura.

Por outra banda, amplíanse as realizadas no centro da vila. Así ofértanse cursos de memoria e de novas tecnoloxías, de iniciación ao uso dos smartphones, que se realizarán na biblioteca municipal a partir tamén da próxima semana. Ademais, crearase un taller de teatro que comezará o vindeiro xoves na Casa da Cultura.

A maiores, no que resta de ano tamén están programadas dúas excursións destinadas a este sector da poboación. Unha será o xoves 6 de outubro ao Grove con motivo da Festa do Marisco, para a cal está aínda aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro venres día 30; e outra en novembro, o día 10, a Santiago de Compostela, para a cal se poden anotar ata o 3 do mesmo mes, chamando ao número de teléfono 986 221 218 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo barafunda@barafundaanimacion.com.