Aproveitando a celebración das rutas xacobeas e coa premisa de explorar o patrimonio natural da provincia con todos os sentidos, naceu o ciclo “Bailando a Terra”, promovido pola Área de Cultura da Deputación de Pontevedra. A danza e a música unidas desde a contemporaneidade e desde as nosas raíces para facernos viaxar por múltiples camiños e cartografías, pisando sobre escenarios de area, pedra, verde e terra.

En colaboración con compañías profesionais de diferentes disciplinas, así como coas escolas de danza da provincia, a Deputación de Pontevedra presentou para este verán un ciclo de danza ao vivo en simbiose coa natureza e multidisciplinar.

A estrea foi na carballeira de Caldelas de Reis, o 8 de xullo, coa actuación de Trébede e o broche de ouro porase en Tui, no paseo fluvial, o vindeiro día 23 de setembro coa escola de danza Unidance e o seu espectáculo “Os 4 elementos”, dirixido por Alejandra Teixeira, no que une danza urbana, contemporánea e tradición, con acrobacia e un número con lume. Será ás 20.00 horas e a entrada é libre,

Tralo paso por Caldas, o programa de danza chegou en agosto á Illa de Arousa, coa compañía Nova Galega de Danza, que ofreceu o espectáculo “Leira no Camiño”; Poio, concretamente no xardín da Capela da Virxe da Renda, onde a escola de Baiona Galicia en Danza representou “As 4 estacións”, con danza contemporánea, ballet, jazz, acro e danza tradicional e á carballeira de Soutelo, en Forcarei, onde a escola de danza lalinense Maisquedanza ofreceu “Danzando na terra”, un espectáculo de fusión de danza urbana, contemporánea e tradición, con sinerxías co teatro, dirixido por Marta Maceira.