O espectacular Magnolio Soulangeana de San Miguel de Tabagón xa forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.

Este recoñecemento servirá para poñer en valor diferentes aspectos desta árbore, como a súa dendrometría, xa que o magnolio de San Miguel de Tabagón é o máis grande de Galicia e un dos máis grandes de toda Europa ao contar cun tronco de 3,13 metros de diámetros e 30 metros de copa. Outra das características que chama a atención deste exemplar é a súa vitalidade, sobre todo na súa floración e tamaño, moi superior ao que se recolle na bibliografía.

Cunha idade estimada de 200 anos o magnolio de San Miguel de Tabagón é un exemplar tan coñecido como admirado, que serviu de inspiración a artistas, entre os que figura o pintor Xavier Pousa, e foi obxecto de varias reportaxes.

O magnolio de San Miguel é a última incorporación a un catálogo do que xa forman parte, dende abril, o conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís celebra a noticia pois “o noso Concello é terra de árbores senlleiras e con este recoñecemento seguimos ampliando e preservando o noso patrimonio natural”. Ademais, a rexedora quere agradecer aos propietarios “a súa colaboración imprescindible para conseguir que a Magnolia Soulangeana se convertise en árbore senlleira, o que garante a súa conservación e coidado”.