O Porriño celebra esta fin de semana as súas festas no barrio de San Sebastián. Comezaron onte e hoxe e mañá continuarán con música, gastronomía e diversión para toda a veciñanza e todas as idades.

A festa iniciase esta tarde, ás 20.00 horas, con animación musical a cargo de X Quatro na Praza de San Sebastián. Seguidamente, ás 20.30 horas, celebrarase a XVI Gran Sardiñada na mesma praza.

Os actos relixiosos serán mañá. ás 12.00 horas, con misa na igrexa de Santa María. Ao seu remate sairá a procesión ata a Capela de San Sebastián acompañada por un grupo de gaitas.

Unha vez que finalice a procesión, terá lugar a tradicional subasta de San Sebastián con degustación de rosca e bebida.

Xa entrada a noite, ás 21.30 horas, haberá animación musical a cargo de X Quatro. A festa da espuma programada para a tarde queda suspendida pola seca e por ser época de alto risco de incendios. Igualmente, quedou anulada a tradicional “Queima da fachada” con fogos de artificio na capela de San Sebastián polo mesmo motivo.

Deporte e manualidades

Por outra banda, o Concello proponlle á veciñanza do Porriño facer deporte e manualidades ao aire libre a media mañá ou ao remate do día.

As propostas son variadas; desde ioga, zumba ou bachata, ata pintura ou debuxo. A Praza Antonio Arquitecto Palacios terá este luns 29, Hip hop kids, de 10.00 a 11.00 horas. Baile contemporáneo kids, de 11.00 a 12.00 horas e, pola noite, de 21.00 a 22.00 horas, bachata para adultos e salsa de 22.00 a 23.00 horas.

O martes 30 de agosto, a proposta é capoeira en familia, de 10.00 a 11.00 horas na Praza da alameda da Avenida de Galicia; Bread kids, de 11.00 a 12.00 horas; e zumba en familia de 21.00 a 22.00 horas. Á noite, no mesmo lugar, danza oriental, de 22.00 a 23.00 horas.

O mércores, 31 de agosto, a proposta será debuxo e pintura, de 10.00 a 11.00 horas, e tamén de 11.00 a 12.00 horas, na Praza da urbanización El Sol. No mesmo lugar, ao anoitecer, bachata para adultos, de 21.00 a 22.00 horas, e salsa para adultos, de 22.00 a 23.00 horas.

O xoves, 1 de setembro a proposta é pilates para adultos, de 10.00 a 11.00 horas, no Parque do Cristo; de 11.00 a 12.00 horas, ioga para adultos. Ao solpor, de 21.00 a 22.00 horas, Kizomba para adultos e samba para adultos, de 22.00 a 23.00 horas.

No barrio de San Bieito, Papis & peques, o venres 2 de setembro, de 10.00 a 11.00 horas, e baile moderno kids, de 11.00 a 12.00 horas.