Volven as verbenas para festexar o San Bieito. O barrio porriñés celebra dende o sábado 9 ata o luns 11 de xullo a festa do seu patrón cunha programación cultural que inclúe moita música e os tradicionais actos litúrxicos. Na primeira das xornadas actuarán, a partir das 21.00 horas, o Grupo Trópico, a orquestra Ritmo Joven e un grupo de dj’s. O domingo 10, á mesma hora, concertos de Antonio Barros, Dos pájaros y un trío e de novo tamén sesión dj. O luns 11, día grande e festivo local na vila do Louro, a verbena estará amenizada polo Grupo Distrito 7 e a orquestra Charleston Big Band.

Polo que respecta aos actos relixiosos, a novena dará comezo hoxe mesmo, ata o domingo día 10, ás 20.00 horas, na igrexa maior Santa María do Porriño. E xa as misas na honra a San Bieito serán o luns día 11, ás 09.00 horas na capela de San Bieito e ás 10.00, 12.00 e 20.00 horas na igrexa; a do mediodía será a solemne con procesión amenizada pola Agrupación Musical do Porriño.

A programación cultural de verán continuará esa mesma semana no Porriño coa actuación de Taburete que chega á capital da Louriña coa súa xira “Caminito a Matadero”. Será o xoves día 14, ás 22.00 horas, no exterior do pavillón municipal, no marco dos concertos do Xacobeo 21-22. As entradas están á venda a un prezo de 10 euros na web ataquilla.com.