Festas

A Feira do Viño do Rosal trasládase ao mes de outubro

Concello e adegas deciden celebrala os días 7, 8 e 9 na Praza do Calvario

l. c.

Concello e adegas camiñan da man para preparar unha nova edición da Feira do Viño do Rosal, unha edición que a organización decidiu de forma unánime mudar de data este ano para poder celebrala na Praza do Calvario, o seu escenario tradicional, e manter o dinamismo comercial que cada ano xera a feira na contorna.

“Con esta nova data faremos coincidir a nosa Feira do Viño, un dos eventos máis importantes para rosaleiros e rosaleiras, co remate dunha obra histórica para o municipio, como é a transformación do núcleo da Praza do Calvario. Queremos unha praza chea de veciñanza e visitantes que nos permita dar ese pulo comercial tan importante para os comercios da contorna despois do esforzo colectivo que están a facer mentres se están a executar as obras ”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Deste xeito, a Feira do Viño do Rosal celebrará os seus 30 anos de vida en outono. A vindeira edición terá lugar os días 7, 8 e 9 de outubro, coincidindo ademais cunhas datas tan tradicionais para rosaleiros e rosaleiras como é o remate da vendima.