O edificio da nova Biblioteca Municipal de Nigrán resultou gañador do premio de arquitectura ‘Technal’ de España e Portugal na gala bianual celebrada nesta edición en Ibiza. A obra do estudo vigués ‘Gándara#Pons Arquitectos’ foi a elixida entre propostas de toda a península nun certame cuxo xurado estivo presidido por Carme Pinós, Premio Nacional de Arquitectura 2021 (máxima distinción en España e que precisamente lle foi entregada este xoves en Palma de Mallorca).

“Estamos moi orgullosos porque non cabe dúbida de que é un edificio singular e senlleiro que sitúa a Nigrán no mapa da mellor arquitectura contemporánea do país”, sinala o alcalde, Juan González, quen loa o magnífico traballo do estudo ‘Gándara#Pons’ e o seu esforzo porque o proxecto saíse adiante sorteando innumerables trabas. “Agardamos que xa en poucas semanas o edificio poida abrir como Biblioteca unha vez que se ten licitada a dotación do mobiliario e equipamento precisos”, engade González. “Lamentamos a espera pero sabemos que pagará a pena porque a cambio temos un edificio icónico en Nigrán que ofrecerá un confort aos usuarios dificilmente superable”.

Como en cada edición, o palmarés dividiuse en catro categorías: ‘Habitar’, ‘Descubrir’, ‘Rehabilitar’ e ‘Trabajar’, gañando a Biblioteca esta última na que a ampliación do Hospital da Luz de Lisboa e a Unidade Industrial Santo Tirso (tamén en Portugal) obtiveron unha Mención Especial. Con este prestixioso recoñecemento, a nova Biblioteca de Nigrán sitúase ao nivel de anteriores gañadores como o Museo de Arte Contemporáneo Alicante, obra do célebre arquitecto Guillermo Vázquez Consuegra, ou do Palacio de Exposiciones y Congresos de Sevilla, de Juan Carlos Sancho e Sol Madridejos.

O xurado no seu fallo, que foi revelado na propia gala, destacou do edificio que “actúa como unha rótula dentro do contexto urbano. É de interese a volumetría da fachada, fragmentada cunha interesante composición de ocos cos diferentes planos, resolta con catro materiais: a pedra, o vidro, o revoco e as lamas de madeira. A nivel interior, xérase unha agradable atmosfera, ben resolta, nos espazos de lectura e vestíbulos de acceso”. Como complemento a estas explicacións, proxectouse un vídeo-documental sobre o edificio ante os centos de profesionais do sector asistentes ao evento, entre eles os artífices do proxecto da Biblioteca, Lucas Gándara e Juan Pons. “O edificio engarza coa mellor tradición da arquitectura galega e portuguesa pola propia sinxeleza dos materiais, sobresaíndo a pedra”, sinalou ante o público José Francisco García Sánchez, membro do xurado e un dos gañadores en pasadas edicións.

“Un dos maiores retos foi axeitar o edificio ao propio tecido urbano existente”, admiten desde o estudo Gándara#Pons, onde consideraron imprescindible adaptalo á escala dos edificios da contorna e abrilo visualmente á praza interior sobre a que, precisamente, o mesmo estudo ven de entregar ao Concello un proxecto de rexeneración. Destacan a concepción da cuberta, “concibida como unha quinta fachada a modo de terraza interior”. Os mesmos arquitectos serán os responsables de rexenerar a Praza Rosalía de Castro da Biblioteca

Edificio bioclimático

O edificio ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como desde a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Desde o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 metros cadrados clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.