Co bo tempo e a desaparición das restricións derivadas da situación da pandemia son máis as persoas que se animan a saír e desfrutar da gastronomía e música. A hostalaría de Moaña, coa colaboración do Concello, está a celebrar ata finais do vindeiro mes de xuño a súa particular Ruta de Tapas de Primavera.

Este ano, logo de dous anos de parón por mor da COVID, volve Moaña de tapa en tapa coa novidade das datas. Optouse nesta ocasión, tendo en conta que é no verán cando xa teñen traballo de abondo, mudar a celebración desta cita gastronómica e cultural para os meses de primavera e de outono. A primeira quenda comezou xa a pasada semana, o mércores 11. Son datas puntuais repartidas entre os mércores e os venres en once localizacións diferentes. Onte foi no Bar Eladio e a seguinte parada será o vindeiro mércores 25 en Piscis, continuando o sábado 27 en Bar Palito. Xa en xuño as datas fixadas son o día 3 en A Carriola, o 8 en Muxicas, o 10 na de Sandro, o 17 en Casa Adriano, o 22 A Cibeles e para rematar o 29 de xuño na Terraza Piscis.

Cada local ofrecerá tres tapas diferentes a un prezo único de 3,50 euros e para amenizar contarán coa actuación dun grupo musical entre as 20.00 e as 23.00 horas.

Trátase esta da primeira ruta organizada pola Asociación de Hostaleiros de Moaña, de recente creación, froito da propia situación derivada da pandemia sanitaria. Así o lembrou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Coral Ríos, “non todo foi malo, unha das cousas boas foi a unión e o asociacionismo magnífico na hostalería moañesa, que desembocou na creación da Asociación de Hostaleiros de Moaña coa cal, dende o Concello existe sintonía e comunicación constante”.

Na mesma liña amosouse a alcaldesa, Leticia Santos, que agradeceu “a implicación da asociación por traballar man a man co Concello en todas as iniciativas”. A rexedora alédase de que “volvan as tapas con música, de quitar este confinamento que tanto padeceu a hostalería, en moitos casos inxustamente” e sinalou esta ruta como bo xeito de “reactivar a hostalería local, axudando a dinamizar e reactivar a cultura, porque cada día de tapa vai acompañado dunha actuación musical, apoiando así tamén a un sector que padeceu moito as consecuencias económicas da pandemia”.