Cultura

Veciños do Rosal recomendan lecturas

Fano a través de vídeos nas redes sociais do Concello e participan tamén na lectura dramatizada de contos para nenos

L. C.

O Rosal continúa conmemorando o mes do libro con novas actividades e coa implicación dos rosaleiros e rosaleiras, que son protagonistas dunha programación especial “coa que convidar a toda a veciñanza a gozar da literatura, da cultura e do lecer para toda a familia, ao tempo que fomentamos o hábito de lectura a calquera idade”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Durante toda esta semana, as redes sociais do Concello foron publicando contido variado relacionado coa literatura. Así, membros do Club de Lectura da Mata fixeron as súas propias recomendacións lectoras dun xeito audiovisual único para animar á veciñanza a mergullarse na lectura de distintas obras. Ademais, esta tamén participa na lectura dramatizada de distintos contos, poñéndose diante da cámara e dando voz a historias dirixidas a nenos e nenas.

A programación compleméntase cun vídeo promocional da biblioteca municipal e con outro da libraría co que poder coñecer as últimas novidades lectoras do mercado. Ademais, a alcaldesa fixo entrega dos premios ao bo lector, que recoñece aos usuarios que máis libros colleron durante o último ano, a Yulisa Cividanes Rodríguez, na categoría de infantil; Alex Diego Alonso, na xuvenil e a Luis Machado Rivero, en adulto

Dende o Concello agradecen a colaboración desinteresada de todas as persoas que participan neste proxecto e anima a toda a veciñanza a gozar destas iniciativas culturais