AXENDA

Ruta solidaria e música coral mañá

Ás 10.00 horas é a andaina e ás 17.00 o concerto

l. c.

O Concello de Mos organiza mañá, coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro en Mos, a III Andaina Solidaria “En Marcha Contra o Cancro”. O percorrido, de 7 quilómetros e apto para toda a familia, comezará ás 10.00 horas con saída desde o Castro de Herville, Cela.

As persoas que desexen participar deben inscribirse na piscina municipal, no multiusos As Pozas ou na asociación chamando ao teléfonos 697 484 529 ou 663 546 218.

O prezo da inscrición son 5 euros, que inclúe a entrega do dorsal e unha bolsa con avituallamento. Todo o recadado destinarase a seguir financiando os programas e servizos que a asociación ofrece, de maneira gratuíta, aos pacientes de cancro e ás súas familias.

E pola tarde outra iniciativa de lecer, nesta ocasión musical. Será no Centro Dotacional de Torroso, ás 17.00 horas, cando a Coral O Son dos Cantares celebre o seu XIII Concerto de Corais.

Ademais da anfitrioa coral mosense, O Son dos Cantares, actuarán: o Coro Vales Mahía de (Silleda - Pontevedra), a Coral Polifónica de Campo Lameiro (Campo Lameiro - Pontevedra), a Coral Santa Eulalia de Donas (Gondomar – Pontevedra) e a Coral Amigos da Música (Verín – Ourense).

A entrada será libre e de balde ata completar o aforo.