A compañía Inversa Teatro subirase esta noite ao escenario do auditorio Lois Tobío en Gondomar para amosar como se desenvolveu o golpe de Estado de 1936 en Galicia a través da historia de Tirso Gómez Freijido, natural de Ribadavia e residente na Cañiza apresado con María Gómez, a única alcaldesa galega durante a II República. Ela salvou a súa vida pero Tirso foi asasinado. A obra é o resultado dunha investigación auspiciada pola bisneta de Tirso, Marta Pérez, co-dramaturga e actriz da montaxe.

O golpe de Estado de 1936 en Galicia a través do teatro

“O Péndulo” representarase xusto na xornada previa de conmemoración do Día Mundial do Teatro. Recomendada para público adulto, será ás 21.00 horas e a entrada é de balde.

Trátase dunha representación incluída no ciclo de teatro ‘Barracas’ posto en marcha polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra que tamén levará á escena outras obras relacionadas co golpe de Estado do 36, a ditadura e a represión franquista noutras localidades como Vilagarcía, Moaña, Silleda, Tomiño ou O Grove.

A deputada de Memoria María Ortega explica que coa programación de todo o ciclo teatral a Deputación pretende dous obxectivos: garantir que as compañías do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria e espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.

Sinopse

Membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da vila, Tirso foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Xusto Moure, Jesús Pérez e Antonio Mouteira. Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia. Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza, pertencente a Esquerda Republicana, a única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. Ela conseguiu salvarse do fusilamento no último momento, alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e acabou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.

A propia Marta Pérez destacou na presentación da peza que é o “proxecto máis especial do que levo desenvolvido ata agora porque falo dende a memoria histórica pero tamén dende o persoal. A obra é ‘O péndulo’ porque eu estou constantemente buscando que facer, que dicir, e vendo ata onde podo chegar. Intentarei facela co máximo cariño e respecto, non só pola miña familia, senón polo resto das familias implicadas e coas que teño contacto”.

Ademais de participar como dramaturga e actriz, “debido á carga emocional que supón para min”, Pérez precisou de axuda na coescrita de Ernesto Eis e na dirección Carlos Álvarez Osorio, En escena están tamén Rosa Puga Davila e Nerea Brey.