Difundir os dereitos das mulleres así como recursos, programas específicos e servizos de información e de asistencia ás mulleres foi o propósito co que se elaborou a guía “Mulleres. Coñecendo o seus dereitos e recursos” presentada esta semana en Tui.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e a autora e coordinadora da guía, Laura Seara, foron as encargadas da presentación desta publicación que está xa dispoñible en formato impreso, así coma en dixital accesible na web municipal www.tui.gal. A iniciativa desenvolveuse dentro das actividades organizadas polo Concello de Tui en torno ao 25N e foi financiada pola Deputación de Pontevedra, enmarcada no programa Maruxa Mallo.

Coa mesma dáse ademais resposta á demanda de información detectada na elaboración do III Plan Municipal de Igualdade. Este publicación é unha ferramenta de apoio e consulta para as mulleres, sendo amais un material de apoio para as persoas que traballan no eido municipal ou da saúde, os servizos sociais, a educación, a seguridade ou ao emprego. A información da guía é útil para toda a cidadanía, aínda que as principais destinatarias sexan as mulleres.

A concelleira sinalou na presentación que “cando as mulleres dispoñen da información precisa sobre os seus dereitos, programas, plans e servizos, abren unha porta ao empoderamento e á liberdade”. Destacou, a maiores, a importancia deste material de cara a acadar a igualdade entre homes e mulleres indicando que “aínda podemos atopar diversas formas de discriminación que afectan maioritariamente ás mulleres polo simple feito de selo e que se manifestan en forma de fendas económicas, sociais, culturais, dixitais e a través da máis brutal das desigualdades, a violencia de xénero”. Nese senso afirmaba que “a información é o camiño á igualdade”.

Laura Seara afirmaba na presentación que “o obxectivo da guía é saber a onde dirixirnos” engadindo que “é un recurso para que a muller estea informada”.

85 páxinas e 5 capítulos

Ao longo de 85 páxinas e 5 capítulos “Mulleres. Coñecendo o seus dereitos e recursos” recolle os obxectivos do III Plan Municipal de Igualdade, e afonda nos dereitos laborais e de conciliación, os recursos e programas de emprendemento, e os enderezos e datos de interese.