O Mercado de Nadal de Tui celebrarase do 3 ao 12 de decembro no Paseo da Corredoira e contará cun máximo de 20 postos, que estarán abertos de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Onte remataba o prazo de solicitude de postos. Na selección dos expositores darase prioridade aquelas de exposición e venda de produtos específicos de Nadal, incluíndose alimentación, decoración e agasallos. Terán tamén prioridade os produtos de carácter artesán ou producidos a pequena escala e ademais valorarase que os solicitantes estean radicados no Concello de Tui e comarca, a calidade e singularidade dos produtos, a variedade de sectores, a produción local e que o solicitante conte coa Carta de Artesán

Por outra banda, a Concellería de Ensino e Cultura vén de convocar unha nova edición do concurso para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2021. O certame está dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio que teñen ata o día 30 deste mes para presentar os seus traballos. Cada centro elixirá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino e Cultura para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil.

Establécense tres premios: un primeiro dotado de 100 euros para consumir en establecementos comerciais do municipio, un lote de pinturas, bloc e material de pintura e un lote libros, valorado en 40 euros; un segundo de 70 euros para consumir en establecementos comerciais de Tui e lote de libros e un terceiro de 50 euros e lote de libros. O traballo gañador será o que empregue o Concello de Tui na súa postal de Nadal coa que tradicionalmente felicita á veciñanza.