Son moitas ás veces que se fala de gran obra artística, tamén neste caso pero de xeito triplo, pola calidade dos traballos, pola súa dimensión e polo lugar no que se expón.

“O silenzo de Deus”. | // D. P. lucía costas

“Distopia” de Xosé Luís Otero está formada por un total de 176 pezas, parte delas de grandes dimensións, alcanzando incluso os 8 metros de lonxitude, e que suman 3.800 quilos de peso. De aí a loxística despregada para o seu traslado, dende o seu estudio do Porriño ao Centro de Arte Contemporánea Graça Morais. Gravados, pinturas, esculturas, instalacións, videocreacións, fotografías e tamén música, de composición propia, foron as obras transportadas nun tráiler ao longo dos 242 quilómetros que separan Bragança da capital da Louriña.

Empregando unha técnica mixta, para crear todas estas pezas fixo uso de diversidade de materiais, cos que está en continua experimentación, dende madeira, lenzo, pigmentos, acrílicos, papeis, cordeis e colas, ata óleos, grafitos, cartóns, lonas, liños e tamén metacrilato.

Todas estas obras estarán expostas ao público a partir desta tarde e ata o 27 de febreiro de 2022. Pois será hoxe, ás 15.30 horas portuguesas, cando se inaugure “Distopia” nun acto ao que asistirá, entre outras personalidades, a ministra de Cultura de Portugal, Graça Fonseca. Será nun escenario destacado en toda a Península Ibérica e no que ata o de agora só expuxo un español, Luis Gordillo, converténdose así o artista afincando no Porriño no primeiro galego en amosar o seu traballo no Centro de Arte Contemporánea Graça Morais, un dos máis importantes do país luso que acolleu entre as últimas mostras unha de Vasconcellos e outra de Paula Rego.

Establecido na abstracción pura, na liña de traballo de Xosé Luís Otero non existe ruptura, sempre hai unha continuidade nos seus procesos creativos. “Eran, foron e serán paisaxes e naturezas deshabitadas sempre. Auténticos osarios de lembranzas e memorias do que foi e xa non é”, puntualiza. O artista traballa coa “idea de perpetuar, de conservar e eternalizar a natureza”, entendendo que “o único real é o pasado”.

“Distopia” é un punto seguido á súa última obra escultórica “O novo Bestiario”, un traballo inédito para o espazo de arte contemporáneo do Culturgal 2020, á que precedeu “Atlas de Soidade” exposta no Museo de Arte Contemporáneo (Marco) de Vigo e “The Ininhabited Beehive” na Galería de Arte Liljevalch de Estocolmo.

Gardián do tempo

Xosé Luís Otero explica como toda a súa obra se estrutura ao redor dun concepto ou ideal principal, “fonte de inspiración sobre a que traballo”. O primeiro paso no proceso creativo céntrao no exercicio da memoria e de experiencias documentadas para a continuación materializar esas construcións mentais con diferentes materiais no seu estudio, que se converte nun laboratorio de investigación e transformación, “un caos organizado”, subliña.

O propio artista sinala que o seu proceso de traballo “é unha especie de reconstrución, do que queda”. Otero explica que neste tempo de creación e trala crise climática e ambiental, chegou a sanitaria. “Era de esperar porque a relación do home coa natureza está baseada na explotación e destrución, non na preservación”. Refírese así á destrución da paisaxe e, finalmente, á desaparición do ser humano. “Así que tras a visibilización e o exercicio de memoria das experiencias do deterioro, quédanos un período de reconstrución” e iso é a súa obra “mostrar dende a memoria o pasado sen o home e sen ningún outro ser vivo, pero coas pegadas que deixaron na natureza e na paisaxe. Morta a beleza natural xa só queda unha desoladora beleza artística”, conclúe.