Os “skaters” e os amantes do BMX teñen un novo atractivo en Salvaterra de Miño. O Concello instalou recentemente plataformas de “ freestyle” que, xunto co foso xa existente, constitúen unha zona de ocio e diversión para estes deportistas sobre monopatín, patíns, patinetes ou bicis. Esta zona deportiva é agora máis completa, adaptada a estas modalidades deportivas, onde os saltos, deslizamentos e demais acrobacias espectaculares están aseguradas con estes novos elementos. Son dúas rampas aerodinámicas que favorecen os impulsos e a velocidade para levar a cabo acrobacias no aire ou sobre a varanda dunha delas. Con todo, o Concello de Salvaterra lembra aos usuarios e usuarias desta zona de lecer a necesidade de facer este tipo de deportes coa seguridade oportuna, engadindo que, o casco, os protectores de xeonllos e as cóbadas son elementos fundamentais para a boa práctica.