O Concello de Cerdedo-Cotobade organizou un novembro cultural para loitar conra a violencia de xénero. E é que con motivo da celebración do 25 N a programación deste mes está centrada en actividades que “fan reflexionar á veciñanza sobre este día internacional e a importancia da loita contra o machismo”.

Deste xeito programáronse catro representacións teatrais, dúas delas xa se escenificaron en días pasados, e as outras dúas serán esta fin de semana. A xornada de hoxe será ademais solidaria, en apoio ás persoas damnificadas polo volcán da Palma; será ás 19.00 horas no centro cultural de Cerdedo, cando o grupo Ilusionistas poña en escena a súa obra “Non queremos perdices”, que dun modo desenfadado trata dos estereotipos, os micromachismos e o empoderamento feminino.

Mañá domingo será a quenda das actrices consagradas Celia González, Luisa Merelas e Esther Aja que representarán “Bernarda”. Será tamén ás 19.00 horas, en Tenorio.