Os participantes do proxecto “PlaytoGrow!” destacaron o valor da música como linguaxe común para amizade entre as diversas culturas. Representantes do Concello de Tomiño, do Space Ensemble e da Escola de Música de Goián presentaron os resultados desta iniciativa de adquisición de valores e habilidades a través da música, compartido polo Concello de e Tomiño con outros catro socios europeos para desenvolver as posibilidades formativas da educación musical.

Os responsables do proxecto explicaron algún dos obxectivos e da traxectoria seguida desde decembro de 2019. Na súas palabras, con esta liña de actuación, o Erasmus +, o programa da Comisión Europea que financia as actividades, “apoia o desenvolvemento de prácticas innovadoras e a execución de iniciativas conxuntas de aprendizaxe no ámbito da mocidade a escala europea”, permitindo que diferentes “organizacións poidan reforzar redes de traballo e a súa capacidade de actuación transnacional, compartindo ideas, prácticas e métodos”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu “a disposición e o bo traballo dos participantes” e manifestando a súa “satisfacción polo positivo resultado da aposta nesta nova iniciativa de cooperación transfronteiriza e internacional nun campo de tanta importancia para nós como é o da música e nun proxecto dirixido especificamente á xente nova”.

Pola súa banda, integrantes da Banda e da Escola de Música de Goián participantes no proxecto expresaron a súa satisfacción por teren ”a oportunidade de intercambiar coñecementos e prácticas con músicos de outros países, culturas e estilos musicais”, destacándose o valor da música como linguaxe compartida.

Mediante un proxecto Erasmus +, estudantes e profesorado da Escola de Música de Goián intercambiaron experiencias co Space Ensemble e a Fondazione Maria Ida Viglino per la cultura musicale do Val de Aosta, de Italia

Musicar películas

O acto de presentación dos resultados coincidiu cos ensaios compartidos entre músicos da formación portuguesa Space Ensemble (organizadora, entre outras iniciativas, da Escola do Rock de Paredes de Coura) e integrantes da Escola de Música e da Banda de Goián co obxectivo de coñecer o proceso de musicar películas en directo, traballando a improvisación e a creatividade. Máis de dez horas de ensaios para integrar, entre outros, o son de clarinetes, percusión, teclados e guitarras eléctricas coas imaxes de diferentes películas.