25N

A Guarda imprégnase de morado

Alumnas e mestra do IES A Sangriña, acompañadas da tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, e da directora do CIM, Yolanda Villaverde, (1ª e 2ª pola esquerda, respectivamente) xunto ao valado que deseñaron os estudantes de Plástica con motivo do 25-N.  | // D. P.

Alumnas e mestra do IES A Sangriña, acompañadas da tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, e da directora do CIM, Yolanda Villaverde, (1ª e 2ª pola esquerda, respectivamente) xunto ao valado que deseñaron os estudantes de Plástica con motivo do 25-N. | // D. P. / l. c.

l. c.

Actuacións musicais, charlas, teatro e moitos contos son algunhas das actividades programadas no Concello da Guarda para conmemorar o Día Internacional contra a violencia de xénero. Unha axenda cultural que dará comezo o propio día 25, xoves, ás 20.00 horas no centro cultural co espectáculo “O ben querer(se)”, por Aldaolado, onde as poetas Lucía Aldao e María Lado mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguen atopando na vida pública e privada.

Xa o vindeiro sábado, 27 de novembro, no mesmo emprazamento celebraranse varias actividades a cargo de Cris de Caldas. Ás 17.00 horas contos en familia “A Igualdade como fío condutor”, un espectáculo para crianzas de 1 a 5 anos; contos con música, exposición de libros e conversa didáctica coas familias. Ás 18.30 horas arranca “Contos en lila”, dirixido a público familiar con contos para rir, emocionar e reflexionar sobre o mundo que queremos; poñede as orellas para escoitar uns contos en lila, por unha sociedade máis xusta e igualitaria. E ás 20.30 horas terá lugar “Mulleres de conto”, una peza para público adulto, onde se fará un percorrido pola vida de mulleres anónimas que con intelixencia, retranca e pouco máis, pois nada tiñan, foron quen de vencer as inxustizas e saltar moitos dos obstáculos impostos.

A inscrición para acudir a estes espectáculos, financiados polo Pacto de Estado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, pode facerse a través da páxina web www.eventbrite.es, por vía telefónica chamando ao número de teléfono 986 61 46 48 ou de xeito presencial no centro cultural da Guarda en horario de 17.00 a 20.00 horas.

Esta programación complétase con outras accións como son a colocación da pancarta no Concello por parte da corporación municipal como símbolo de repulsa ante calquera manifestación da violencia de xénero; charlas de prevención da violencia de xénero, dirixidas aos escolares da Guarda e do Rosal por parte da directora do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Guarda; entrega de exemplares do Cómic “Amelia. Historia dunha loita” para a biblioteca dos centros de secundaria da vila; colocación dun valado co deseño realizado polo alumnado de Plástica do IES A Sangriña como medida de concienciación entre a poboación máis nova; un obradoiro sobre as novas masculinidades, en colaboración con este mesmo centro educativo, que se levará a cabo durante este curso escolar dirixido ao alumnado de 1º de Bacharelato e a representación do espectáculo teatral pedagóxico “Golpes” ,con Estíbaliz Veiga, que analiza o impacto da violencia de xénero e tenta concienciar á mocidade na súa prevención, dirixido ao alumnado de 4º da ESO dos centros educativos da Guarda.