Como vila mariñeira que é, e nun momento no que a economía trata de reinventarse, o Concello de Baiona aposta pola economía azul, a que recoñece a importancia dos mares e os océanos como motores da economía polo seu gran potencial para a innovación e o crecemento. “Trátase dun concepto creado recentemente pola Comisión Europea dentro da súa estratexia atlántica, que aposta pola economía marítima como un dos principais impulsores do crecemento do futuro de Europa”, sinala o alcalde Carlos Gómez.

Crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea é o obxectivo principal do Blue Atlantic Forum (BAF) que se celebrará a vindeira semana en Baiona.

O parador da localidade acolle do mércores 24 ao venres 26 de novembro tres xornadas dedicadas a tres sectores da economía azul de vital importancia para o desenvolvemento sostible de Galicia como é a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía e o turismo.

O foro tratará diversas temáticas transversais aos tres sectores representados, tales como a formación, a financiación, o emprendemento, o cambio climático ou as oportunidades que ofrecen as rías galegas na economía azul. O desenvolvemento económico debe de ser sostible. Por elo, desde Baiona se lle dará especial destaque aos obxectivos de desenvolvemento sostible. Cada unha das partes do programa está dedicada a un destes obxectivos.

Para o alcalde “Baiona ten que superar a fase de vivir de costas ao mar. Agora tamén faremos que a economía mire cara ao Atlántico, cunha nova estratexia de economía azul coa que potenciaremos a creación de empresas e postos de traballo de calidade en diversos sectores. Con esta nova medida abrirase un mar de oportunidades, sumando competitividade económica e sostibilidade ambiental”

Estudo do fondo mariño

Antes de que remate o ano, desde o Concello de Baiona intentarán poñer en marcha un estudo do fondo mariño na praia da Barbeira, que se podería ampliar a todo o litoral do municipio.

O obxectivo é coñecer o seu estado e ver que “comportamentos habería que modificar para coidar a nosa costa e a nosa ría”, informa o alcalde.

Esta iniciativa segue a estela do compromiso do Concello de Baiona coa sostibilidade e por deseñar unha folla ruta a seguir para poder garantila.