A terceira edición do ciclo de charlas-obradoiro “Falamos” organizado polo Concello de Gondomar arrancou a pasada semana e estenderase ata o 9 de decembro cun programa de 29 intervencións, impartidas pola psicóloga Paula Rodríguez, dirixidas ao alumnado da ESO, familias e profesionais que están en contacto cos mozos e mozas.

Desde a Concellería de Xuventude subliñan a importancia que foi adquirindo en cada edición “sumando cada vez a máis persoas interesadas en participar e converténdose nunha peza troncal do traballo e a implicación do goberno de Gondomar en dotar aos mozos das ferramentas precisas para afrontar o seu futuro, á vez que se lles facilitan ás familias para que saiban actuar ante situacións novas que están a vivir”.

O alumnado de 2º de ESO dos institutos Terra de Turonio e Augas da Laxe inauguraron esta nova edición co primeiro dos talleres que se desenvolve baixo o lema “Novas formas de violencia”, onde a través de tres sesións por curso trátase de identificar as novas formas de violencia e sensibilizar e concienciar á mocidade sobre a necesidade de erradicala das súas vidas.

“Pensando non meu futuro” é o título das charlas que se imparte ao alumnado de 3º e 4º de ESO abordando con el as novas profesións e o autocoñemento.

Familias e profesionais

Como en anos anteriores implícase tamén ás familias. “Lindes vermellos na adolescencia” e “A realidade do meu fillo adolescente” foron as dúas charlas impartidas coas que se achegou a pais e nais a realidade que viven e perciben os mozos, e as novas necesidades e demandas sobre as que terán que marcarse novos límites.

Como novidade este ano convídase aos docentes dos centros educativos de Gondomar cos que abordar e tratar a realidade concreta da mocidade no municipio e “traballar conxuntamente para afastar calquera forma de violencia da mocidade”.