A Asociación de Xubilados de Salceda vén de retomar a súa actividade completa tralo levantamento das restricións derivadas da crise sanitaria da COVID-19 neste mes de outubro, incluíndo a súa comida anual, que se decidiu celebrar en dúas quendas, a primeira o pasado sábado e a segunda hoxe mesmo, nas que están a desfrutar de reencontros moi fermosos.

Este colectivo conta actualmente con máis de 600 persoas asociadas. A asociación leva desde o ano 1992 ofrecendo aos maiores do municipio actividades, cursos, excursións e outras accións formativas e de lecer, todo elo co obxectivo de que estas persoas, inactivas laboralmente, se sintan realizadas e desfruten desta etapa da vida.

A actividade comezouse a retomar xa a comezos do verán, coa celebración dunha charla informativa no auditorio municipal baixo o título “Coidados da saúde mental en tempos de Covid”. O pasado mes de setembro retomaron as excursións culturais, tanto de ida e volta no mesmo día como con pernocta, e a pasada semana volveu a impartirse a clase de ximnasia, de luns a xoves e cumprindo sempre co protocolo COVID. Neste senso, estase a valorar outros cursos que poidan ser de interese para as persoas socias.