O Concello de Redondela deu a coñecer xa a programación cultural de outono/inverno. Son un total de 31 eventos fixados xa no calendario, con día, hora e lugar, ata o mes de febreiro do vindeiro ano 2022. Música, baile, teatro, festas, exposicións e outros cualificados como varios dirixido público adulto, familiar e infantil, que deu comezo o primeiro domingo de outubro co ciclo Vive o Teatro que volve este mes, o sábado 30 ás 20.00 horas, coa obra “As fillas bravas de Momán” de Chévere Producións. Tamén haberá representacións para os máis pequenos da casa, e será precisamente hoxe, con dous pases, un ás 17.00 e outro ás 19.30 horas, cando se inicie o IV Ciclo de Teatro Infantil da man de Tanxarina e “A cazola de Lola”. Tódalas representacións serán no auditorio da Xunqueira e o prezo da entrada é de 3 euros.

O mes de novembro comezará con música, o venres 5 concerto de Desertores en homenaxe a Xela Arias, ás 20.00 horas no multiusos de Chapela, e o sábado 6, á mesma hora, boleros e baladas a cargo de Antonio Barros con Ialma, no auditorio da Xunqueira.

Humor na súa tinta

En novembro tamén comezará o IV Ciclo de Monólogos “Humor na súa tinta”, que traerá á vila dos viadutos a catro grandes persoeiros recoñecidos no sector. A primeira das citas será o 21 de novembro, ás 19.30 horas, con El Sevilla e o seu espectáculo “La vida es rocanrol”.

En decembro, o sábado 18, estará Beatriz Rico con “Antes muerta que convicta”, en xaneiro (día 16) Rafa Maza con “Fabiolo connection” e para pechar, en febreiro (13) Xavier Deltell con “Dando la nota”.

Serán todos no auditorio da Xunqueira e as entradas, ao prezo de 12 euros, poden adquirirse na páxina web woutick.es ou presencialmente no propio multiusos da Xunqueira.