Un xogo que está en auxe na Guarda é sen dúbida a petanca. Andrés Mirás, un veciño emigrante en Francia trouxo a idea de poñer en práctica na vila este deporte que precisamente, na súa forma actual, xurdiu a comezos do século XX na Provenza francesa, o seu nome procede da expresión “pè(s) tancats/pieds tanquees” (pés xuntos), e é que o xogador debe lanzar a bola cos pés xuntos, ambos no chan, en posición estática.

A petanca, un deporte francés en auxe na Guarda

O que non se imaxinou este veciño nin os seus compañeiros Soro Lourido e Julio Alfonso, os primeiros en unirse á iniciativa e aos que seguirían Luis Verde, Serafín Domínguez e Sonia López, é que case cinco anos despois estarían ao fronte dun dos clubs galegos de petanca, O Caldeiro, con maior número de deportistas federados, o máis grande do Baixo Miño, e que as súas instalacións melloraran considerablemente multiplicándose por catro o número de pistas para competir, localizadas nunha contorna extraordinaria como é a desembocadura do río Miño, en Camposancos.

A petanca está a ter tanta aceptación que “todos os días, de 10.00 a 13.00 e dende ás 15.00 ata ás 20.00 horas, hai sempre xente xogando, socios e non socios, ademais agora, cando o tempo nolo permite, podemos alongar as xornadas xa que dispoñemos de focos eléctricos que iluminan todos os campos”, sinalan dende a directiva do club.

Para todos os perfís

Un deporte de xubilados para uns, minoritario para outros, pero o certo é que a petanca espertou gran interese non só na veciñanza da Guarda senón tamén doutros concellos da comarca, onde ata entón non existía ningún club desta modalidade deportiva. A día de hoxe son 72 as persoas asociadas ao Caldeiro, das cales 26 contan con licenza federativa. Son maioritariamente guardeses pero tamén os hai do Rosal, Tomiño, Oia, Vigo e incluso do País Vasco. Neste senso, tamén é a destacar as diferentes nacionalidades dos integrantes do club: oito italianos, dous arxentinos, un subsahariano, un danés, un alemán e unha rusa, todas elas persoas afincadas no Baixo Miño.

Polo que respecta ás idades, a media oscila entre os 55 e 75 anos pero tamén hai socios de categoría infantil e junior, sendo o máis novo de 9 anos e o máis maior de 86.

En canto ao xénero, a presenza de mulleres vai en aumento. A día de hoxe representan o 25% dos asociados, 18 adas cales 6 teñen licenza federativa; e con perspectivas de que xa sexan unha terceira parte ao haberen mulleres interesadas en formar parte do club

Dende a directiva sinalan que os valores do club son “fomentar e desfrutar da petanca; igualdade, compañeirismo e integración total da muller no deporte; respecto e creación de vínculos e autoestima, aceptación, voluntariado e traballo.

Unha ducia de torneos

Cando comezaba a súa andaina, 2016/17, contaban con tan só catro pistas, en 2019 pasaron a ter oito e a día de hoxe dispoñen de 16, e estase a traballar en catro máis co obxectivo de que a finais deste ano sexan un total de 20 as pistas aptas para competir. Ano a ano foron incrementando a súa actividade e nesta tempada 2021 organizaron e disputaron 2ºTorneo Letras Gallegas, 2ºTorneo San Gregorio, 1ºTorneo ORPAGU, 2ºTorneo Fiestas del Monte,1ºTorneo Concello da Guarda, 1ºTorneo Entidad Local Menor de Camposancos, 1ºTorneo Hoteles el Molino e 1ºTorneo Heraclio Alfaro, patrocinado por Adegas Terras Gauda. Para celebrar esta tempada tamén, pero aínda sen data fixada, atópanse o 2ºTorneo San Mauro, 2ºTornero Primavera, 1ºTorneo Conservas Calvo, 1ºMemorial Victoriano Granja e 1ºMemorial Jaime Pereira.

Dende o club fan especial mención “á extraordinaria colaboración tanto do Concello da Guarda como da Entidade Local Menor de Camposancos”. Os obxectivos marcados a día de hoxe son “seguir crecendo, estimular o traballo en equipo, fomentar a diversión co cal aumenta a autoestima e desenvolver habilidades sociais”.

Dupletas e tripletas

As modalidades de xogo son dupletas e tripletas cuxo desenvolvemento en cada partida fai que se mobilicen 96 xogadores en campo e 32 en reserva. Cada equipo consta de 4 xogadores, aínda que só sexan 3 en campo en caso de tripletas e 2 en dupletas, polo tanto en 16 pistas mobilízanse 128 xogadores e cando estean operativas as 20 pistas serán 160. Dende o club sinalan que nos diferentes torneos xa celebrados, entre xogadores e acompañantes, reuníronse máis de 2000 persoas.