Un total de 4.846 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia durante o servizo da tempada de verán, que se estendeu este ano entre o 18 de xuño e o 17 de setembro. Estas cifras, acadadas no segundo ano de pandemia de COVID-19 supoñen un aumento próximo ao 45% sobre os datos do ano anterior, cando se rexistraron un total de 3.348 visitas (período 4 de xullo-23 de setembro de 2020).

Peregrinos

Segundo a información recompilada polo persoal da oficina de turismo, das 4.846 visitas contabilizadas, 2.850 correspondéronse con turistas e 1.996 con peregrinos. En canto a estes últimos, foron os que rexistraron o incremento máis salientable, posto que duplicaron as cifras acadadas no verán de 2021 (856 peregrinos).

No que respecta ao lugar de orixe, dos procedentes do territorio español recibíronse principalmente turistas doutras localidades galegas e das comunidades de Madrid, Andalucía, Castela e León e Andalucía. En canto a outras nacionalidades, os máis habituais procedían de Portugal, Alemaña, Italia e Francia.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou a boa evolución dos datos acadados este ano respecto do pasado, e incidiu na aposta do Concello pola adecuación de espazos destinados a actividades de turismo e lecer ao aire libre, tan demandadas durante a pandemia.