Mos foi fai uns días o epicentro do desenvolvemento rural de Galicia. Por primeira vez, os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) da comunidade déronse cita no Centro Dotacional de Torroso na segunda reunión da Mesa de Coordinación destes grupos para avanzar na definición e aplicación da medida Leader para o vindeiro período de programación 2023-2027 e no debate sobre a futura convocatoria de axudas para accións preparatorias da vindeira estratexia de desenvolvemento local.

Ademais, tamén se impartiu aos representantes dos GDR formación sobre as oportunidades de financiamento para os concellos rurais no marco dos fondos Next Generation.

Outro asunto tratado nesta reunión foi a preparación das actividades previstas con motivo do Día en contra da violencia de xénero, que se conmemora o 25 de novembro e que se celebrarán baixo o lema “Camiñando contra a violencia de xénero”.

No peche desta xornada participaron a directora de Agader, Inés Santé; a presidenta do GDR Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a rexedora municipal de Mos, Nidia Arévalo.