Chegados a esta época do ano a bisbarra xa está inmersa nos preparativos da noite máis terrorífica do ano. Son moitas as localidades que festexan o Samaín, a celebración de orixe celta máis importante do período pagán en Europa, considerada como o Ano Novo Celta. É tanto unha festa de transición (o paso dun ano a outro) como de apertura ao outro mundo. A súa etimoloxía é gaélica e significa ‘fin do verán’.

A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro celébrase en Galicia moito antes de que se exportara a celebración de Halloween na súa versión estadounidense. E a pesar de que existe un denominador común en todas as celebracións, todo o relacionado co medo e o máis alá, o certo é que hai en vilas que organizan eventos singulares como é o desfile do gran calacú no Porriño, que logo do parón o pasado ano por mor das restricións provocadas pola COVID-19 volve este ano ás rúas porriñesas, unindo “á veciñanza de alá arriba coa de alá abaixo”, como antano se referían aos habitantes no casco urbano e os dos barrios de orixe do Porriño (San Benito e San Sebastián), respectivamente.

Será o vindeiro sábado, día 30, cando se festexe a décimo quinta edición da Noite do Calacú. A festa comezará pola tarde con obradoiros, de 17.00 a 19.00 horas, para que os máis cativos decoren as súas propias cabazas, as cales estes días membros da asociación de veciños están a recoller polos distintos barrios xuntando medio cento delas, de diferentes formas e tamaños, ningunha igual ca outra.

Namentres, ás 18.00 horas e como novidade este ano, Celso Fernández Sanmartín traerá unha escolma de contos de medo para a noite de Samaín, dirixidos tanto a nenos como a maiores. Xa ás 19.00 horas terá lugar a presentación oficial da festa coa lectura do pregón a cargo do escritor porriñés Juáncho (Juan Castaño Vicente) quen precisamente publicou este ano o libro “Na procura do medo esquecido”, un catálogo de criaturas mitolóxicas e fantásticas de Galicia con contidos moi propios da época.

Ás 19.30 horas está previsto o nomeamento da dama e o cabaleiro do calacú, veciños que destacan por algo particular e/ou que son moi queridos no barrio, nesta ocasión o título recaerá en Orlando Márquez e a súa filla Elena, pola súa contribución no desenvolvemento dos barrios.

E xa ás 20.00 horas procederase a un dos momentos máis falcatrueiros da xornada, o desfile do gran calacú, o máis grande do lugar, que será portado polos propios veciños nunha angarela, dende San Benito ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios e viceversa, con acompañamento musical a cargo dunha charanga animando a todos os presentes a que se unan á festa que rematará cun gran magosto de castañas, viño e auga.

Ademais, nesta edición o Patronato de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra ten previsto gravar o evento para incluílo nunha peza audiovisual que se editará sobre a recuperación do patrimonio inmaterial da provincia.

Exposición escolar

E ademais, como se vén facendo nos últimos anos, o vindeiro venres recolleranse en cada centro de ensino do Porriño as cabazas elaboradas polos escolares para seren expostas polas rúas da vila, dende ás 12.00 horas do domingo 31 de outubro e ata ás 23.55 horas do luns 1 de novembro.