Baiona fai unha aposta pola memoria histórica e o teatro no seu programa cultural de outono. Así, logo de representarse onte a obra “Feminísimas” hoxe o auditorio municipal acollerá, ás 21.00 horas, un concerto pola memoria histórica no que o compositor e músico Seso Durán, acompañado de catro músicos máis, interpretará temas do seu traballo Son da Memoria.

Mañá domingo, ás 20.00 horas, no mesmo espazo celebrarase un concerto da Orquestra de Cámara Galega, un repertorio que no que se fará especial incidencia na obra do mestre Rogelio Groba e que incluirá unha acción especial que porá en valor os 26 anos na escena musical desta agrupación. E para o vindeiro xoves, ás 20.00 horas, no Multiusos Mercado de Sabarís terá lugar o taller de música represaliada de Xurxo Souto.

Fegatea

O Circuíto Galego de Teatro Amador 2021 chegará ao auditorio V Centenario de Baiona a vindeira fin de semana. O sábado 30 de outubro, ás 20.00 horas, a compañía A Tequerete representará a comedia “Confinados”. O domingo 31 haberá dobre sesión, a primeira delas, nos xardíns da Casa da Navegación ás 12.00 horas, a cargo de Lohengrin Teatro que nos lembrarán que é Xamain cos seus contos “Mouras e Nobeiros”, e ás 20.00 horas será a quenda de Teatro Antas De Ulla e a súa obra “Historias de xente que non lle importa a ninguén”. Para rematar, o festivo 1 de novembro, Novo Teatro do Ar, pechará a programación coa obra “Un vals para Cincinati”.