A Cañiza celebra hoxe e mañá a segunda edición do “Cociño Cañicense”. Un evento gastronómico promovido, impulsado e organizado conxuntamente polo concello e polos hostaleiros da localidade.

Son moitos os padais que xa coñecen o cocido da Cañiza pero , desta vez, promovido polo Concello, os hostaleiros da Cañiza organizan esta cita para ofrecer un prato tradicional preparado con chourizo de cebola e de carne, fuciño, rabo, orella, cacheira, lacón, touciño e costela de porco completado con pito, carne de vacún, patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo. Todo iso acompañado con pan rústico e pan de millo ou “Bica” e regado polos viños brancos e tintos, a gusto do cliente, da denominación de orixen Rías Baixas, tamén da Cañiza, Abelan e Eido da Fonte.

Antes ou despois deste prato ofrecerase un caldo servido en tazón. E como en toda boa comida, non pode faltar a sobremesa. Arroz con leite ou leite frita e café.

Ademáis haberá un pequeño agasallo para cada comensal. O custe de todo o menú é de 23 euros.

A proposta do Concello e os hostaleiros da Cañiza é organizar unha visita á localidade esta fin de semana, para gozar dunha xornada de arte culinaria e intenso sabor.

A recomendación é reservar en calquera dos 8 restaurantes participantes nesta II edición do “Cocido Cañicense”: Reveca, Arela, Os do Resero, Tapería A Facenda, Bar Piri-Piri, Cruceiro de Balsada, Casa Eligio e Área de Servicio Repsol.

A Cañiza é un concello afamado pola calidade dos seus xamóns e polos seus excelentes cocidos. Dos mellores de Galicia aseguran os seus hostaleiros e a veciñanza.

O seu segredo está envolto nos aires dos cumios da localidade que posúen un microclima especial para o curado dos produtos do porco. Un aire frío e seco que consegue optimizar o curado e outorgar ás carnes o mellor sabor.

Sendo así, co inicio do outono, restaurantes e concello decidiron por en marcha unha nova edición do Cocido Cañicense. Coincidindo coa baixada das temperaturas é como mellor se saborea este prato único que durante décadas congregou entorno ás mesas do municipio a familias e amigos.

Un atractivo culinario que se suma aos moitos outros activos turísticos da capital da Paradanta, que ademáis destaca pola súa especial diversidade paisaxística e a súa accidentada orografía que se pode percorrer e desfrutar grazas aos sendeiros e as rutas naturais.