Soutomaior

Horta urbana ecolóxica e biodinámica

Un grupo de escolares visita (antes da pandemia da COVID-19) a horta urbana ecolóxica, en Arcade.   | // D.P.

Un grupo de escolares visita (antes da pandemia da COVID-19) a horta urbana ecolóxica, en Arcade. | // D.P. / lucía costas

Un socalco no que poder plantar todo tipo de hortalizas, sempre de tempada e de xeito ecolóxico e biodinámico, é a oportunidade que o Concello de Soutomaior ofrece dende fai catro anos aos seus veciños. Ademais, o proxecto de horta urbana municipal conta cun apartado formativo inicial e un asesoramento profesional ao longo de toda a tempada, co obxectivo final de ofrecer recursos e técnicas para cultivar de maneira saudable, á vez que respectuosa co medio ambiente.

Son un total de 16 pequenas parcelas, localizadas en Arcade, próximas ao multiusos, que compoñen unha superficie que dispón tamén dun espazo comunitario. Cada ano, por esta época ábrese o prazo de inscrición para aquelas persoas que queiran incorporarse, así como aquelas que queiran continuar, de maneira que o 1 de novembro comecen a nova tempada “para coller así todo o ciclo e ter unha visión global das diferentes épocas do ano, pois precisamente traballamos cun calendario biodinámico no que se marca que plantar en cada momento”, explica Sonia Pintos, responsable da Omix.

A mestura de participantes que proseguen con outros novos é ideal xa que así se complementan coñecementos e experiencias. E é que o perfil dos usuarios desta escola municipal, a través da cal se regulan as autorizacións de uso da horta de xestión municipal, exclusivamente para o seu cultivo agrícola e destinado basicamente ao autoconsumo, é moi diverso, así podemos atopar veciños do casco urbano, que vivindo nun piso buscan un lugar onde sementar os seus propios tomates, leitugas, cebolas, xudías… para logo incluso trasladalo a un balcón, ata persoas do rural que, con casa e campo, buscan adquirir novos coñecementos en canto a cultivos ecolóxicos ou control de pragas.

As persoas interesadas en participar do proxecto poden solicitar unha das parcelas, con prazo ata o 29 de outubro, na Omix, onde se poderá solicitar unha maior información ao respecto. Unha vez pechadas as inscricións comunicarase as datas do curso de formación básica e asignaranse as parcelas mediante un carné nominativo para poder acceder no que figurará o número de bancal e nome da persoa, coa posibilidade de emitir tantos carnés como persoas haxa na unidade familiar, de maneira que poidan ir avós, pais e fillos a cultivar cadanseus produtos que logo consumirán nos seus fogares, promovendo así tamén as relacións e o intercambio interxeneracional. É así, que dende o Concello tamén ofrecen aos centros educativos do municipio visitas guiadas a esta horta urbana ecolóxica.