O Concello de Covelo convidou recentemente ao poeta e dramaturgo David Fernández Rivera a asinar no Libro de Honra do Concello para agradecerlle as diferentes actividades artísticas e educativas que levou a cabo no municipio, co que ten vínculos desde a súa infancia. A sinatura tivo lugar no salón de plenos da casa consistorial, onde o alcalde, Pablo Castillo, trasladoulle o seu orgullo pola difusión que levou a cabo Rivera de Covelo a través do seu labor, a nivel galego, nacional e internacional. Aproveitando a ocasión, o poeta dedicou varios exemplares do seu novo poemario “Libertad”; que está dispoñible na Biblioteca Municipal, adquiridos pola Concellaría de Cultura.