As rúas do casco urbano de Redondela acollían o pasado sábado un preludio da celebración desta fin de semana na contorna do Museo de Meirande. Conmemórase o 319 aniversario da Batalla de Rande e por oitavo ano celébrase, con tal motivo, unha serie de actividades que fan que retrocedamos no tempo ata 1702 para vivir o combate naval que enfrontou a ás escuadras anloneerlandesa e hispanofrancesa na Enseada de San Simón.

A actividade da comezo hoxe ás 11.00 horas coa apertura do mercado tradicional, no que tamén haberá atraccións de antano para os cativos e obradoiros, en horario de mañá e de tarde. Ás 11.30 horas será a chegada das embarcacións e unha hora máis tarde o desfile inaugural. A continuación, terá lugar a primeira das representación teatrais infantís, da que haberá un segundo pase pola tarde e outro máis mañá. Os propios nenos da asociación, e tamén veciños do lugar, serán os actores, ao igual que o son as persoas adultas que protagonizan as teatralizacións da batalla de Rande “Os galeóns de Rande”; do desembarco, a descarga e o asalto a fortaleza e do afundimento “Arde o mar”, coa representación naval do combate con pirotecnia.

Este ano introdúcense como novidade visitas guiadas en barco pola Enseada de San Simón, con saída do Museo Meirande, ás 16.00 e 17.00 horas de hoxe.

Ademais non hai escusa para non quedarse a pasar o día en Rande, xa que dende a organización anuncian a instalación dun posto de comida que servirá churrasco e polbo entre outros pratos típicos da zona.