O copiloto salvaterrense, Cándido Carrera, acadou recentemente o terceiro posto no Rally RACC Catalunya-Costa Dourada do Mundial de Rallies xunto ao piloto Dani Sordo, converténdose no sétimo copiloto español da historia en facer pódium nun Mundial, e é o primeiro da provincia en conseguilo.

Carrera acudiu o pasado mércores a unha recepción oficial na casa consistorial de Salvaterra. Recibiuno a alcaldesa, Marta Valcárcel, e ao Concelleiro de Deportes Edgar Martínez Philippon.

Este encontro prodúcese no momento máis doce da carreira do copiloto, xa que tras a recente incorporación como compañeiro de Dani Sordo, os froitos non se fixeron agardar, logrando o seu primeiro pódium nun mundial, pondo aos seus veciños e veciñas pendentes de todas as canles de televisión, cheos de ledicia e orgullo cos resultados obtidos.

“É un orgullo como alcaldesa que un dos nosos deportistas sexa o exemplo tanxible de que o éxito é posible con traballo e esforzo, ademais de modelo a seguir para os máis cativos: agora en Salvaterra, tamén se soña con chegar a ser como Cándido Carrera”.

“Nestes tempos tan complexos derivados dunha crise sanitaria mundial que afecta de xeito moi directo tamén ao deporte, están saíndo tamén outros deportistas locais con resultados moi importantes a nivel nacional, polo que fala moi ben dos hábitos saudables e disciplinados dos nosos e das nosas deportistas” apuntou o edil de Deportes de Salvaterra.