O Concello de Baiona presenta a proposta “Baiona Natural” como unha aposta polo turismo sostible e respectuoso co medio ambiente. Organízanse así unha serie de rutas a pé por diferentes paraxes naturais da localidade que transcorren por todas as parroquias sumando máis de 37 quilómetros de riqueza paisaxística e etnográfica.

Baiona aposta pola natureza e o ecoturismo para atraer visitantes

“Trátase dun aliciente máis para que os turistas que elixan o noso municipio, pernocten e alongue a súa estancia. Falamos dun servizo complementario que se engade á oferta turística coa que xa contamos e que contribúe a ampliar as experiencias que propoñemos ao turista”, sinala o alcalde Carlos Gómez á vez que engade que o “obxectivo é poñer en valor os espazos naturais máis próximos e inmediatos cos que contamos e afianzar ao mesmo tempo recorridos de grande interese turístico. É unha clara aposta polo turismo activo e a conectividade do núcleo co seu territorio”.

Son catro as rutas de sendeirismo, deseñadas por unha empresa local, que se realizan en catro fins de semana consecutivas, sendo, nesta ocasión gratuítas. A primeira, “Chan da Lagoa-Baíña” celebrouse xa o pasado día 17, para hoxe está prevista “Descubre Baredo”, para o sábado 30 de outubro “A Groba panorámica” e para o 6 de novembro “A Groba montañosa”.

Catro rutas guiadas que transcorren polas catro parroquias do municipio co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural existente nelas.

A saída efectuarase sempre ás 10.00 horas e para participar é preciso inscribirse previamente na oficina de turismo, escribindo un correo electrónico ao enderezo oficinadeturismo@baiona.gal ou chamando o número de teléfono 986 68 70 67

A de mañá é unha ruta circular de 9,5 quilómetros a través da cal se visitan os muíños do río Fraga, o Facho, a fonte dos mortos e a parroquia de Baredo. A do vindeiro domingo son 7 quilómetros que amosan a contorna marítima desde os miradoiros do alto da Groba. E a última, de 10,5 quilómetros, da a coñecer as diferentes formacións e desniveis creados pola natureza e que dan forma á Serra da Groba.