A decimoquinta Festa do Tinto das Rías Baixas regresa á comarca do Condado este martes, 12 de outubro, logo de que non se puidera celebrar o ano pasado pola pandemia da COVID-19. A programación incuirá natureza, actividades para a cativada, música, deporte e obradoiros, ademais de viño e gastronomía.

As actividades comezarán xa mañá coa “Andaina do Requeixo e do Tinto”, que sairá dende a Praza do Concello ás 9.30 horas e percorrerá parte do municipio ata ás 13.00 horas. As persoas interesadas en coñecer parte da natureza nevense e paisaxe poden inscribirse en: turismo@asneves.gal.

Tamén mañá pola tarde, ás 19.30 horas, na Casa da Auga Chan de Vide, presentación da Adega Chan de Vide.

O martes, 12, será o día da XV Festa do Tinto das Rías Baixa, cun programa que empezará ás 11.00 horas coa apertura da festa; seguirá ao mediodía o Concerto da Coral Polifónica Santa María das Neves. Ás 12.30 horas terá lugar a recepción de autoridades na Casa do Concello.

O pergón, ás 13.00 horas, será a cargo de Pablo Méndez, Premio Xove Empresario de Galicia 2021, e de Sara Vila, Premio Illa Nova de Narrativa 2021.

O grupo Os Monifates actuará ás 13.30 horas, dando paso ás 14.30 horas á presentación da Adega Chan de Vide e, de seguido, ás 15.00 horas, música de Cé Orquestra Pantasma.

Xa polo serán, ás 17.00 horas, chegará o espectáculo infantil “Brinca Vai!De aquí acolá”, de Paco Nogueiras. Dende esa mesma hora e ata as 20.00 horas, haberá unha “Xornada de Cultura Urbana”, na Praza do Concello, con obradoiros de Graffiti, Skateboard, Danzas Urbanas e Stencil.

A festa rematará ás 20.00 horas co concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.

A programación desta XV Festa do Tinto Rías Baixas terá o seu peche o xoves, 14 de outubro , coa “Cata Profesional” para as adegas participantes cos expertos internacionais David Schwarzwälder e Yvonne Heistermann.

A festa nevense adicada aos viños tintos da D.O. Rías Baixas recuperará este ano, case na súa totalidade, o seu formato habitual, logo das restricións do ano pasado, seguindo as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias e extremará o respecto á separación de seguridade, os aforos e a desinfección de mans, pedindo a colaboración dos asistentes.