A Organización de Palangreros Guardeses (Orpagu) cumpre 25 anos sendo líder do sector do palangre de superficie de toda Europa. A fin de semana pasada celebrou o seu aniversario con todos os guardeses. Inaugurou a exposición “De mar a mar”; unha mostra sobre os fitos históricos de Orpagu. A exposición está situada no paseo marítimo, á beira da Praza de San Benito. Está formada por 10 paneis -8 no paseo e dous no Concello-, que permanecerán até o 17 de setembro. Tras ver a mostra, os asociados de Orpagu e as autoridades compartiron un xantar. Orpagu representa a 72 barcos de palangre de superficie que faenan nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico. As empresas asociadas facturan no seu conxunto máis de 60 millóns de euros e empregan de forma directa a máis dun milleiro de traballadores. Na fotografía a flota da Guarda en 1965.